Saturday 18 de May de 2024

O Concello activa unha actuación para acondicionar o Miradoiro de Pedra da Ra


O proxecto está cofinanciado con fondos do programa Leader

O Concello adxudicou con carácter provisional en xunta de goberno local unha nova actuación destinada ao acondicionamento do Miradoiro de Pedra da Ra.

A empresa que obtivo unha mellor clasificación resultou Sonense de Granitos, S.L., por un importe de 147.407,61 euros, IVE incluído. Ao igual que a recentemente adxudicada construción dunha pasarela peonil de 98,5 metros para unir o parque de San Roque co acceso a este miradoiro, trátase dun proxecto financiado con fondos Feader tras ser seleccionado pola asociación Deloa para formar parte do programa Leader Galicia.

A actuación pretende poñer en valor esta contorna próxima ao Castro da Cidá e ao propio parque de San Roque a través da súa recuperación do seu carácter natural, enfatizando o seu carácter paisaxístico.

Con tal motivo, demoleranse a escaleira e estrutura existente ao presentar un gran impacto visual e no seu lugar será acondicionado o entorno a través da disposición en torno á gran rocha central de diferentes puntos de observación, ofrecendo así ao usuario diferentes opcións e perspectivas para o disfrute da paisaxe totalmente accesibles.

Pedra do país
Serán empregados distintos tipos de pavimento de pedra natural do país con diferentes densidades, así como outros elementos como barandas tipo inox, barandas de barras, muros de granito, bancos de pedra ou alcorques de ferro forxado..

A zona contará cunha zona de aparcamento a base de xabre compactado e adoquíns de granito silvestre.

Trátase dunha intervención reversible e respectuosa co medio e a súa topografía.